Campionato do Mundo de Ironman
Tipo | Ironman |
---|---|
Deporte | long distance triathlon (en) |
Localización e Datas | |
País | Estados Unidos de América |
Vixencia | 1978 – |
Período de ocorrencia | 1 ano |
O Campionato do Mundo de Ironman é unha proba de tríatlon de longa distancia, que se celebra anualmente en Hawai dende 1978.
Está organizado pola World Triathlon Corporation e é a culminación anual dunha serie de carreiras de Ironman celebradas en todo o mundo e nas que os atletas se poden clasificar para a final de Hawai.
Historia
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]A idea do Ironman orixinal xurdiu durante a entrega dos premios da Oahu Perimeter Relay, unha carreira que recorre o perímetro da illa de Oʻahu, en 1977.[1] Entre os participantes atopábanse os corredores do club Mid-Pacific Road Runners e os nadadores do Waikiki Swim Club, cuxos membros levaban tempo discutindo sobre cal dos dous deportes era o máis duro. Nesta ocasión, o comandante da Mariña estadounidense, John Collins, sinalou que lera nun artigo recente da revista Sports Illustrated que o ciclista belga Eddy Merckx tiña a "captación de osíxeno" máis alta rexistrada de calquera atleta medido nunca, polo que quizais os ciclistas estivesen máis en forma que corredores e nadadores. Collins e a súa esposa Judy Collins tomaran parte nos tríatlons organizados en 1974 e 1975 polo San Diego Track Club en Mission Bay, California, así como o Optimist Sports Fiesta Triathlon de 1975 en Coronado, tamén en California. Algúns dos outros deportistas militares asistentes tamén estaban familiarizados coas carreiras de San Diego, polo que entenderon o concepto cando Collins suxeriu que o debate debía resolverse a través dunha carreira que combinase as tres competicións de longa distancia existentes na illa: a Waikiki Roughwater Swim (3.86 km de natación en augas abertas), a Around-Oahu Bike Race (carreira ciclista de 185.07 km, orixinalmente celebrada en dous días) e a Maratón de Honolulu (42.195 km).[1]
Ata ese momento, ningún dos presentes fixera a carreira en bicicleta. Collins calculou que recortando 4,8 quilómetros do percorrido en bicicleta e facéndoo en sentido contrario ás agullas do reloxo, arredor da illa, o sector de bicicleta podería comezar no remate da Waikiki Rough Water e acabar na torre Aloha, lugar de inicio tradicional da Maratón de Honolulu. Antes da carreira, cada atleta recibiu tres follas de papel que indicaban algunhas regras e unha descrición do percorrido. Escrito a man na última páxina estaba esta exhortación: "Nada 2,4 millas! Percorre en bicicleta 112 millas! Corre 26,2 millas! Presume o resto da túa vida". A frase converteuse nunha marca comercial.
Cun aceno a un corredor local que era coñecido polos seus exixentes adestramentos, Collins dixo: "Quenquera que acabe primeiro, chamarémoslle o Home de Ferro." Cada un do participantes tiña o seu equipo de apoio propio para fornecerse de auga, comida e ánimo durante a proba. Dos quince homes que tomaron a saída a mañá do 18 de febreiro de 1978, doce completaron a carreira. Gordon Haller, un especialista de comunicacións da USS Navy, foi o primeiro en gañar o título Ironman por completar a carreira cun tempo de 11 horas, 46 minutos e 58 segundos. O marine John Dunbar, lideraba a proba despois da segunda transición e tiña posibilidades de gañar mais quedou sen auga na maratón e o seu equipo de apoio resolveu darlle cervexa.[1][2]
Sen máis esforzos de mercadotecnia, a carreira reuniu a 50 atletas en 1979. Tras ser aprazada un día debido ás condicións meteorolóxicas, só quince competidores tomaron a saída na mañá do domingo. Tom Warren, de San Diego gañou en 11 horas, 15 minutos e 56 segundos. Lyn Lemaire, unha ciclista de Boston, que chegou sexta converteuse na primeira Ironwoman (Muller de Ferro). Collins pensou en transformar a carreira nunha proba de relevos para incluír a máis participantes, pero o xornalista de Sports Illustrated, Barry McDermott, presente na zona para cubrir un torneo de golf, descubriu a carreira e escribiu unha reportaxe de dez páxinas sobre ela. Durante o ano seguinte, centos de participantes curiosos contactaron con Collins.[2]
Valerie Silk e a WTC
[editar | editar a fonte]Ao redor de 1979 Collins xa non quería dirixir a proba e contactou cos propietarios do centro do Nautilus Fitness Center, Hank Grundman e Valerie Silk, para cederlles o control da carreira. Grundman ofrecera anteriormente as instalacións do seu club a moitos dos competidores do Ironman. Despois do divorcio da parella, en 1981 Silk recibiu a propiedade do Ironman.[3][4] Ese ano trasladou a competición á menos urbanizada illa de Hawai e en 1982 mudouse a data de carreiras de febreiro a outubro. Como resultado deste cambio, houbo dous eventos Ironman en 1982.
En febreiro de 1982 ocorreu un fito na historia da carreira que disparou a súa popularidade. Julie Moss, unha universitaria que competía como parte dunha investigación para a súa tese de fisioloxía do exercicio, púxose en primeiro lugar. A medida que se aproximaba ao final, entroulle unha grave fatiga e deshidratación e caeu a poucos metros da liña de meta. Aínda que Kathleen McCartney a adiantou levando o título feminino, Moss arrastrouse ata a meta. A súa actuación foi transmitida por todo o mundo e creou a famosa frase do Ironman de que "só rematar é xa unha vitoria". A finais dese ano a carreira xa superou os 1.000 participantes, tendo que facer un sorteo para adxudicar 1.000 prazas e deixando fóra a outros 1.000 participantes.[4]
En 1990, coa axuda de Lew Friedland, James P. Gills mercoulle a Silk a Hawaii Triathlon Corporation, propietaria da marca Ironman, por 3 millóns de dólares. Coa marca Ironman, Gills estableceu a World Triathlon Corporation coa intención de potenciar o deporte do tríatlon e aumentar os premios para os triatletas.[5][6]
Dende mediados dos noventa realízanse varios tríatlons de distancia completa que non son organizados pola WTC. O limitado número de eventos organizados pola WTC e o escaso número de entradas dispoñibles por carreira, combináronse cun crecemento do deporte que creou demanda destes eventos sen marca. Moitos deles comparten co Ironman o formato de 3,86 km a nado, 180 de bicicleta e 42,2 a pé. Orixinalmente, moitos usaron o nome Ironman. Debido á agresiva protección de marcas, a maioría destas carreiras xa non usan a palabra "Ironman".
O actual récord do Ironman de Hawai foi establecido en 2019 por Jan Frodeno (Alemaña), cuxo tempo gañador foi de 7 horas, 51 minutos e 13 segundos O récord feminino é de 8 horas, 26 minutos e 18 segundos, fixado en 2018 por Daniela Ryf (Suíza).
Os atletas con discapacidades compiten no evento na categoría de desafíos físicos, que foi instituída en 1997, e teñen que cumprir os mesmos tempos de corte que os outros competidores. O australiano John Maclean foi o primeiro triatleta discapacitado en completar a proba.
Récords da proba
[editar | editar a fonte]Homes
[editar | editar a fonte]Evento | Récord | Velocidade | Atleta | Edición | Ref |
---|---|---|---|---|---|
Ironman completo | 7:51:13 (47:31-1:58-4:16:03-2:59-2:42:43) | 28.82 km/h | Jan Frodeno | 2019 | [7] |
Natación (3.862 km) | 46:29 | 1:12 min/100 m | Jan Sibbersen | 2018 | [8] |
Bicicleta (180.246 km) | 4:09:06 | 43.42 km/h | Cameron Wurf | 2018 | [9] |
Carreira a pé (42.195 km) | 2:39:45 | 15.85 km/h / 3:47 min/km | Patrick Lange | 2016 | [10] |
Mulleres
[editar | editar a fonte]Evento | Récord | Velocidade | Atleta | Edición | Ref |
---|---|---|---|---|---|
Ironman completo | 8:26:18 (57:27-3:22-4:26:07-2:17-2:57:05) | 26.82 km/h | Daniela Ryf | 2018 | [11] |
Natación (3.862 km) | 48:14 | 1:14 min/100 m | Lucy Charles | 2018 | [12] |
Bicicleta (180.246 km) | 4:26:07 | 40.64 km/h | Daniela Ryf | 2018 | [11] |
Carreira a pé (42.195 km) | 2:50:27 | 14.85 km/h / 4:02 min/km | Mirinda Carfrae | 2014 | [13] |
Vencedores
[editar | editar a fonte]Homes
[editar | editar a fonte]- 20: Estados Unidos
- 10: Alemaña
- 7: Australia
- 3: Bélxica Canadá
Mulleres
[editar | editar a fonte]- 10: Suíza
- 8: Estados Unidos
- 7: Cimbabue
- 5: Reino Unido Canadá
- 4: Australia
- 2: Nova Zelandia
- 1: Alemaña
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Ironman Hawaii: El nacimiento del Triatlón más famoso del mundo" (en castelán). 24 de maio de 2015. Consultado o 30 de outubro de 2019.
- ↑ 2,0 2,1 "The Enduring Fight Over the First Ironman Triathlon". The New York Times (en inglés). 25 de xaneiro de 2019. Consultado o 1 de novembro de 2019.
- ↑ "A Straight 40 To Go". www.trihistory.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2015. Consultado o 31 de outubro de 2019.
- ↑ 4,0 4,1 Chick, Bob (22 de outubro de 1983). "Ironwoman" (en inglés). Consultado o 31 de outubro de 2019.
- ↑ "End of year news roundup" (en inglés). Consultado o 31 de outubro de 2019.
- ↑ Scheppler, Bill (2001). The Iron Man Triathlon (en inglés). The Rosen Publishing Group. ISBN 978-0-8239-3556-7. Consultado o 31 de outubro de 2019.
- ↑ "Jan Frodeno campeón del mundo de Ironman 2019 con 7:51:13, récord de la prueba" (en inglés). 12 de outubro de 2019. Consultado o 21 de novembro de 2019.
- ↑ "Jan Sibbersen". SportStats (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- ↑ "Cameron Wurf". SportStats (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- ↑ "Triathlete goes sub-2:40 to break course marathon record at Ironman championships". Running Magazine (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2017. Consultado o 21 de novembro de 2019.
- ↑ 11,0 11,1 "Daniela Ryf". SportStats (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- ↑ "Lucy Charles". SportStats (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
- ↑ "Mirinda Carfrae". SportStats (en inglés). Consultado o 21 de novembro de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ironman.com, web oficial da proba.
- World Triathlon Corporation
- Mellores tempos en homes ata 2011 Arquivado 19 de setembro de 2016 en Wayback Machine. (en inglés).
- Mellores tempos en mulleres ata 2011 Arquivado 19 de setembro de 2016 en Wayback Machine. (en inglés).